No sector pesqueiro non gustaba o borrador da lei de acuicultura. A súa oposición xa motivara a paralización do borrador nun intento da Xunta de consensuar o texto co sector. Pero este xesto non foi suficiente, para este mesmo sábado estaba convocada unha manifestación pedindo a retirada completa de borrador, un extremo que acaba de ser aceptado pola conselleira do Mar. 


Rosa Quintana asegura que xa deu "orde de que se retire" o borrador, xa que a paralización da lei "parece ser que tampouco é suficiente". "Olvídense" do borrador, comunicoulle aos 300 directivos aos que llo remitira, asegurando que en Galicia "non se vai tramitar ningunha lei de acuicultura". 


A conselleira espera que "con eso lles quedará claro que cando dou unha palabra cúmproa", engadindo que coa retirada da exposición pública "nos olvidamos de ter en Galicia unha lei de acuicultura". 


Unha das críticas máis escoitadas sobre o texto era que daba vía libre ás multinacionais. Sobre esta cuestión, a conselleira asegurou que "se dixeron moitas mentiras". Considera "doloroso" que o sector "que me coñece dende 1987, se deixara levar por esta sarta de mentiras que se colaron". 

MANTENSE A MANIFESTACIÓN


En todo caso, a retirada do borrador non implicará unha suspensión da manifestación convocada para este sábado. Dende a Federación Galega de Confrarías de Pescadores valoran positivamente a retirada do borrador, pero manteñen a convocatoria alegando que seguen vixentes o resto das súas reivindicacións, que teñen que ver co sistema de cuotas "totalmente insuficientes" para os mariñeiros da comunidade. 


O presidente das confrarías galegas, Tomás Fajardo, conta cunha mobilización "pacífica" nas rúas de Santiago, que ten que ver coa "situación xeral do sector". Pedirán que o resto das súas reivindicacións "se atendan", non só dende Galicia senón tamén dende a UE, quen finalmente "reparte o bacalao". 


POWERED BY BIGPRESS