Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de xaneiro Galicia rexistrou un crecemento no volume de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros galegos do 9,5% ata situarse nos 147.055. A nosa comunidade incrementou tamén as pernoitas rexistradas no primeiro mes do ano nun 6,5% neste caso ata acadar máis de 260.000 neste período.


O turismo interno –aquel representado polos residentes en Galicia- superou nun 1,3% as súas pernoitas e nun 4.0% a súa cifra de viaxeiros aloxados.


Pola súa parte, o turismo nacional –aquel conformado polo españois procedentes doutras comunidades autónomas- incrementou no pasado mes de xaneiro a súa cifra de viaxeiros nun 18,6% e as súas pernoitas nun 13,0% acadando os niveis de demanda máis altos dos últimos seis anos.


En canto ao turismo internacional, a nosa comunidade incrementou neste primeiro mes do ano nun 1,9% os seus viaxeiros e nun 3,4% as súas pernoitas.


A nivel territorial obsérvase tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira en todas as provincias galegas. En A Coruña e Pontevedra subiu a demanda en torno ao 5% -un 5,6% na primeira e un 4,9% na segunda- mentres que en Lugo e Ourense a demanda subiu un 9,4% e un 12,3% respectivamente.


A ocupación hoteleira tamén mellorou no pasado mes de xaneiro en 1,6 puntos porcentuais acadando a cifra máis elevada nos últimos sete anos


Así mesmo, Galicia incrementou as súas tarifas hoteleiras no primeiro mes do ano, nun 2,3%, o que levou a unha suba dos niveis de rendibilidade en relación ao mesmo período de 2015 incrementándose o RevPAR nun 13,9%.

POWERED BY BIGPRESS