A directiva de Citroën acaba de confirmar que o ERE extintivo que plantexa incluirá a traballadores menores de 50 anos. De feito, terá tres modalidades nas que se poderán incluir de forma voluntaria un máximo de 400 traballadores: unha para veteranos, outra para menores de 50 anos que queiran deixar a empresa e unha terceira para traballadores que desexen marcharse conservando o dereito preferente de ingreso. 


A empresa comunicou estes detalles trala segunda reunión que mantivo cos sindicatos, en relación aos axustes vinculados á candidatura da planta para un novo modelo de vehículo. 


Polo que respecta ao ERE suspensivo, directiva e sindicatos falan duns 500 traballadores afectados. Por último, o ERE suspensivo rotatorio mensual afectará a un máximo de 150 traballadores, elevando o total de empregados afectados polos tres ERE por enriba das 1000 persoas. 


Ademais, a empresa tamén especificou as indemnizacións dos traballadores afectados, que dependerán da modalidade de expediente á que se acolla cada traballador, a súa idade e a súa antigüidade.


AGE DENUNCIA PRECARIZACIÓN 


Precisamente este mércores AGE criticou duramente no parlamento os ERE de Citroën, asegurando que pretendían "precarizar ao conxunto da súa plantilla laboral", converténdoos en eventuais ou en persoal sen o 100% da xornada.


O deputado de AGE Juan Fajardo, xa adiantara que  "non hai 400 traballadores de máis de 59 anos en Citroën, polo que vai afectar a outros traballadores". Entende que se pretende "sustituir traballadores cunhas condicións dignas por outros eventuais".


En relación aos ERE suspensivos, AGE mantén que a intención é "precarizar" aos traballadores, que verán condicionados os seus dereitos "de xornada laboral, de conciliación, de acceso a vacacións..." por non ter asignada unha xornada laboral completa.


POWERED BY BIGPRESS