A factoría viguesa de Citroën contempla a posibilidade de crear un novo equipo de traballo para o fin de semana, que traballaría 12 horas durante as noites do sábado e do domingo. Tratariase dunha nova quenda ligada a momentos de alta produción, que segundo os sindicatos podería crear "entre 1.550 e 1.600" empregos" se implica os dous sistemas de produción. 


En principio, esta nova quenda tardaría bastante en activarse, resulta probable que se puxese en funcionamento se finalmente Citroën consigue a adxudicación de novos vehículos e necesita ampliar a súa produción.


Polo de agora, dende a empresa recoñecen que para os dous próximos anos as previsións de produción son "desfavorables", algo que xustifica os ERE extintivo e temporal que plantexaron durante os últimos días. 


Segundo a directiva de Citroën, ambas medidas están dirixidas a "mellorar a capacidade de flexibilidade e apertura" da fábrica e así estar "ben preparados" para afrontar a produción de novos vehículos. 


Como novidade, a empresa tamén lle comunicou aos sindicatos a proposta de facer "deslizante" unha das tres semanas de vacacións de verán, de forma que sexa disfrutada entre os meses de xuño e setembro. Deste xeito búscase ter  "capacidade de reacción" ante demandas de produción no período estival, pasando das tres semanas actuais de peche da fábrica en agosto a dúas.


REACCIÓN SINDICAL


O representante de UXT, Rubén Pérez, chamou a ser "cautos" ante estas medidas para "non xerar falsas expectativas", posto que asegurou que "non se descarta nin se asegura" que vaian levar a cabo nin se especifica cando podería ocorrer, xa que estes mecanismos poderían porse en marcha só "se fosen necesarios" en escenarios de alto volume de produción.


Pérez valorou que estas propostas van na "boa dirección" para que Vigo poida manterse e dar resposta á acollida de novos modelos e avanzou que UXT non se opoñerá a unha maior apertura do centro. "A empresa entendeu que as medidas tiñan que vir acompañadas de emprego", remarcou.


O portavoz de CC.OO., Santiago García, tamén fixo fincapé en que estas medidas se poñerían en marcha únicamente unha vez aplicados os mecanismos actuais de flexibilidade --quendas variables, sábados de velada e domingos noite-- e sempre que o alto volume produtivo tivese continuidade.


Vítor Mariño, da CUT, pediu "clarificar" se estas iniciativas son para aplicar desde este momento ou desde o ano 2018 e criticou que a creación da quenda de fins de semana estea supeditada a que o alto volume de produción se manteña no tempo, xa que entende que a empresa podería usar esta proposta para ampliar de 8 a 12 a xornada dos traballadores actuais da quenda de noite en sábados, domingos e festivos.


Así, trasladou as súas "reticencias" ante esta medida ata que estas cuestións non sexan matizadas e se reflictan no papel. "Ata agora as incidencias de produción afrontáronse co mesmo persoal. 


POWERED BY BIGPRESS