Toda Galicia celebra hoxe o día da muller traballadora, pero dende algúns colectivos saen a rúa cuestionando que haxa demasiados motivos de celebración. A CIG organizou congregacións por toda a xeografía galega, protestando contra a "precariedade" das galegas en xeral e das traballadoras de Zara en particular.


Para a voceira da CIG, Lucía Freire, a situación da muller traballadora en Galicia resúmese en "inactividade, desemprego, eventualidade e fenda salarial". Presentan datos preocupantes, como unha taxa de actividade case dez puntos inferior á dos homes ou un maior acceso á economía sumerxida.


Especialmente relevante son os datos acerca dos contratos a tempo parcial, que representan un 23% nas mulleres e tan só un 6'5% nos homes. Para Freiras, as mulleres vense obrigadas a traballar nestas condicións pola dificultade de atopar un traballo a tempo completo ou ben "polo eterno papel de ser as coidadoras de crianzas e familiares dependentes".


En concreto, dende a CIG elixiron manifestarse fronte ás tendas de Zara en Galicia, xa que consideran que esta empresa trata dunha forma especialmente negativa ás mulleres traballadores. Sosteñen que a compañía "abusa do contrato a tempo parcial e dificulta a conciliación".


Pero ademais acúsana de escoller ás súas dependentas "seguindo uns determinados canons de beleza", agochando ás traballadoras con máis de 40 anos nos almacéns ou nas zonas menos visibles. Tamén critican a situación das traballadoras do textil que desenvolven a súa labor espalladas por Galicia "en condicións moi discutibles", asegurando que non fai falla traspasar as nosas fronteiras para atopar precariedade neste sector.


En todo caso, dende a CIG aseguran que a precariedade deste sector non é ningunha excepción: "poderiamos facelo no comercio de alimentación, gadis, froiz, en industria, no ensino, na sanidade, no rural"... Aseguran que a discriminación laboral da muller segue sendo unha realidade "en calquera sector" da economía galega. 


POWERED BY BIGPRESS