A asociación ecoloxista ADEGA denuncia que un castro recén inventariado acaba de ser arrasado pola maquinaria pesada utilizada nos labores de roza do bosque e posterior subsolado profundo para a realización dunha plantación de eucaliptos.


En concreto, trátase dun sitio arqueolóxigo situado en Mondoñedo, coñecido como 'Castelo de Monte da Arca', que foi identificado en Decembro de 2015 coa clave GA27030036 grazas a unha iniciativa de Mariña Patrimonio.


Tiña unha feitura semicircular e estaba defendido por un triple parapeto e foxo, dominando a cidade de Mondoñedo, dende a que era perfectamente visible cuberto por bosque autóctono.


O xacemento xa fora recoñecido e descrito polo historiador José Villamil y Castron en 1876, no seu libro 'Los castros y mámoas de Galicia', pero non foi ata o ano pasado cando acadou a protección oficial.


Dende ADEGA denuncian a destrucción do xacemento, asegurando que podemos estar ante un claro delicto contra o patrimonio cultural e lamentándose de que teñan ser as asociacións non gobernamentais as encargadas de "tutelar o noso patrimonio histórico arqueolóxico" ante "a pasividade e o desleixo da administración".


Pero o máis grave é que segundo os ecoloxistas non se trata dun caso illado. Aseguran que "son ducias os elementos patrimoniais, dende mámoas a castros ou mesmo restos romanos, danados mesmo de xeito irrecuperable polos labores asociados ao monocultivo do eucalipto".  


POWERED BY BIGPRESS