Alianza Rural Galega non está conforme co plan forestal que prepara o goberno galego, que identifican con "máis eucalipto, máis biomasa e máis Ence". Por iso se desprazaron ata San Caetano este venres, entregando no rexistro xeral da Xunta un documento con propostas alternativas consensuadas polos integrantes da plataforma: Adega, CIG, Fruga, APDR, Comité en Defensa do monte galego, SLG....


Un gran número de colectivos vinculados co monte galego e co medio rural, que levaron ata a Xunta dúas prantas de eucalipto, como "feito simbólico" para que as conselleiras de Medio Ambiente e Medio Rural celebren o día forestal mundial (21 de marzo) "en coherencia co que lexislan", segundo ironizou o voceiro de Adega Fins Eirexas. 


O voceiro de Adega aproveitou a ocasión para criticar duramente o plan forestal actual, que supuxo "a eucaliptización de Galicia". Segundo as súas contas, esta especie pasou de contar cunhas 150.000 hectáreas a máis de 500.000. 


Pola súa banda o representante de Fruga, Elías Somoza, defendeu a presentación de directrices para revisar o plan forestal da Xunta, ante un proceso que ven "truncado" e cunhas propostas feitas "á medida de Ence"


Ambos salientaron a necesidade de basar o novo plan en grupos de traballo que integren a todas as entidades e organizacións relacionadas co medio rural e co monte galego. Adiantan que tamén se reunirán cos grupos parlamentarios para trasladarlles as súas propostas. 


POWERED BY BIGPRESS