A Consellería de Educación amosouse satisfeita cos resultados da súa enquisa sobre o estado da convivencia en Galicia, contestada en novembro por unhas 200.000 persoas entre familias, alumnos, profesores e persoal non docente. Destacan que o 80% dos nenos declaran abertamente non ter padecido ningunha conducta negativa e que en liñas xerais a comunidade educativa detecta un bo clima de convicencia.
Pero dende FETE-UXT danlle a volta a estes datos, incidindo sobre ese 20% de alumnos que sí declararon ter padecido algún tipo de problema de convivencia como insultos, interrupcións das clases, poñer alcumes ou rirse dun compañeiro.
O sindicato critica a "actitude triunfalista" da consellería, denunciando a "inexistencia de recursos" para a realización de plans de convivencia nos centros educativos.
Nesta liña, lamentan que a disposición oitava do decreto de convivencia estableza que non haberá un aumento de gasto para poñer en marcha os plans de convivencia. Fronte a iso, subliñan a necesidade de asignar profesores ás comisións de convivencia dos centros e ás aulas de convivencia inclusiva.
Finalmente, tamén cuestionan a enquisa da consellería, afirmando que amosa un "fracaso de participación dos sectores implicados". En concreto, aseguran que tan só participou o 8% das familias.