Seguimos sen goberno e buscando os partidos a maneira de enganar aos seus electores con renovacións inexistentes. E nesa tormenta de falta de ideas aparecen as eleccións galegas nas que os populares apostan por Feijóo para salvarse do diluvio universal sacrificándoo a quedarse para vestir santos, porque se as mareas acertan no seu pacto cos socialistas que, de momento, esfollan a margarida Caamaño-Pepiño, gobernarán no lugar no que si saben cómo manexar as súas ideas rupturistas e anti-sistema.
Galicia, agora mesmo, é banco do probas nas que se deseña cómo pode gobernarse España doutra maneira, se é que a hai. Pero a terra de Castelao é tamén ese eterno fósil que só se move cando uns irmandiños deciden colgar das almenas aos seus señores e logo acaban masacrados por uns Reis Católicos partidarios da unión eterna dos seus reinos.
Se esquecemos a historia, estamos condeados a repetila. Os políticos galegos deben ser listos esta vez. É a súa oportunidade. Deles, excepto de Rajoy, espéranse novas ideas que sirvan, non só, para facer posible o soño castelariano na súa vertente azul e branca, senón naquela outra que deixou escrita no seu Sempre en Galicia, que durante toda a semana santa debería ser o libro de cabeceira que ocupara a mesilla de noite de mareantes, sociatas, populares e ata comunistas desunidos.
Ogallá sexa así. Varias xeracións agradeceranllo aos nosos políticos autonómicos, sobre todo o resto dos españois, que están máis que fartos de tanta xente mareando a perdiz que non lles deixa saír do laberinto de Creta da ingobernabilidade. Por iso, non teñan a menor duda, agora mesmo, en Galicia ventílanse moitas cousas, e moitas delas moi interesante.