Os gandeiros galegos levan varias decepcións no que vai de ano. O acordo alcanzado en decembro coas distribuidoras está resultando difícil de concretar e as medidas propostas por Europa parecéronlle de todo insuficientes para paliar a crise do sector. 


Por eso volverán a concentrarse o vindeiro 31 de marzo ante a Consellería de Medio Rural, en Santiago, denunciando a falta de solucións para os problemas que afectan ao sector lácteo, como os baixos prezos e a falta de garantías de recollida. 


A mobilización foi anunciada por Óscar Pose,  un dos portavoces da plataforma en defensa do sector lácteo, que cre necesario volver ás rúas para denunciar "o abuso" que padecen os produtores galegos.



De feito, Pose prevé que a protesta do próximo xoves sexa o "inicio" de novas mobilizacións dunha plataforma que nos últimos meses protagonizou diversos actos reivindicativos, como unha tractorada en Santiago que interrompeu vías principais durante días ou boicots a industrias e distribución para garantir unha subida de prezos en orixe.



Por iso, esixirán medidas "inmediatas" para conseguir "prezos dignos" e pedirán garantías de recollida ante "ameazas de industrias como Leite Río", en "unha estratexia para baixar os prezos" para derivar "cada vez máis leite a po" e pagar "menos de 20 céntimos" o litro, por baixo de custos de produción.



Así, resume que os produtores se atopan en "unha situación que non se pode aguantar" ante o comezo da primavera, na que estima que seguirá a baixada de prezos.



Todo iso, meses despois do acordo lácteo asinado en Madrid por toda a cadea de valor, pero do que se desmarcaron as principais organizacións agrarias ao entender que non ía servir para dar máis sustentabilidade ao sector.


POWERED BY BIGPRESS