A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público renovou a súa loita contra a LOMCE tralas últimas eleccións. Non queren esperar a que se forme goberno para ver derogada ou canto menos paralizada a lei aprobada polo partido popular. 


Por iso rexistraron este mércores unha petición dirixida a todos os grupos parlamentarios do Congreso para transmitirlles que non entenden que a LOMCE non estea a estas alturas "como mínimo paralizada" como paso previo á súa derogación.


O voceiro do colectivo, Anxo Louzao, recorda que neste momento xa "hai conformado un parlamento español cunha maioría supostamente  daquelas organizacións que no seu momento dixeron que entre as súas primeiras medidas ía estar derogar a LOMCE".


Esperan que estas palabras non queden nunha "proclama electoral" e que efectivamente se paralice unha lei que está supondo "un desatino absoluto e un despropósito permanente", unha lei "ao servizo da patronal do ensino privado e do neoliberalismo".


Como medida de presión, dende a Plataforma anuncian que tratarán de boicotear a reválida que este curso se pretende realizar en 3º e 6º de primaria, "prólogo das reválidas na ESO e no bacharelato". Louzao anunciou que lle pedirán aos pais e ás nais que "procuren non enviar aos seus nenos ao centro para realizar as probas", tratando de converter a nova reválida nun fracaso.


Esta medida de presión non é nova. O ano pasado xa a levaron a cabo no caso da única reválida celebrada, a de 3º de primaria. Dende a Plataforma consideran que foi un éxito, xa que "máis do 50% do alumnado" optou por non realizar a proba. 


POWERED BY BIGPRESS