Unha vez máis, os grupos parlamentarios de AGE e do bloque denunciaron a falta de pluralidade da RTVG na súa información política, unha acusación negada rotundamente polo director do ente. 


A deputada do bloque, Montse Prado, aproveitou a comisión de control da RTVG para criticar a "escasa" presenza do seu partido nos informativos da cadea pública. "En toda unha semana, 40 segundos para o BNG, case sempre para preguntar a outros líderes", lamentou a parlamentaria nacionalista, antes de falar de "delincuencia informativa" e de acusar ao director da RTVG de "usar os medios públicos de Galicia para a gloria do PP".


Na mesma liña, Juan Fajardo (AGE) denunciou os "buracos negros" e as "carencias" de contidos cando se tratan temas relativos a formacións que non sexan o partido popular. "Utilízanse os conflictos das mareas, pero nunca as súas accións", asegurou. 


En resposta a estas acusacións, o director da RTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, asegurou que os seus informativos estaban suxeitos a criterios "obxetivos" e "imparciais", principios que se combinaban coa "proporcionalidade da información política". 


Aínda así, recoñece que estes criterios se deben combinar coa "obrigación" de atender a información institucional. "O partido que goberna, sexa ou non maioritario, ten un plus de presenza, é así en todas as televisións públicas". 


Por iso considera que "non ten sentido" comparar a presenza do presidente da Xunta co dun líder da oposición". 


POWERED BY BIGPRESS