A gran incógnita foi revelada. Despois de meses mareando a perdiz, nos que chegou a admitir que se plantexaba deixar a política, Alberto Núñez Feijóo anunciou este sábado que optará a un terceiro mandato como presidente da Xunta, porque considera que "Galicia está por riba de todo". 


Fíxoo tras comunicar a súa decisión á xunta directiva do partido, nun discurso no que fixo balance dos seus anos de goberno, visiblemente emocionado cando afirmaba que confía en que poderían "volver a gañar". 


O anuncio de Feijóo, que estivo ao bordo das bágoas en varios momentos do seu discurso, foi recibido cun longo aplauso dos seus que se levantaron para celebrar a decisión do seu xefe de filas con berros de "presidente, presidente!".


Dixo que "pode mirar aos ollos aos galegos" e dicirlle que "non hai nada máis importante na súa vida que Galicia". "Non me presento polo xa alcanzado nestes anos de loita, senón polos retos pendentes", remarcou, para advertir que non está en política para "lucirse", senón porque "cre" nela, no seu partido, en Mariano Rajoy e no servizo público.


"Se alguén pensaba que tiña a cabeza noutro lugar, eu respóndolle que non só teño a cabeza en Galicia, senón tamén o corazón", proclamou.


O líder do PP galego mantivo ata hoxe a incógnita sobre o seu futuro, pero nos últimos días a avalancha de peticións por parte do seu partido e as declaracións de varios dirixentes apuntaban cara unha decisión que segundo os populares Feijóo podería tomar por "responsabilidade". 


Tamén na oposición se amosaban esta semana convencidos de que Feijóo repetiría como candidato, aínda que neste caso consideran que a decisión chega despois de que se lle pecharan as portas en Madrid. 







POWERED BY BIGPRESS