O Consello de Avogacía Galega aínda ve lonxano o obxectivo de eliminar o papel nos xulgados galegos, que "teñen que imprimir todas as demandas que reciben". Ademais, a presidenta do organismo, Nieves Santomé, considera que existen "problemas de seguridade xurídica" na implantación do expediente xudicial electrónico, a través do programa 'Lexnet', debido aos prazos que deben cumprir os letrados nos trámites. 


Santomé recoñece que a comunicación telemática no ámbito xudicial, era unha cuestión que "todos estabamos a desexar". Con todo, admitiu que, na súa implantación, se están a producir "disfuncións" vinculadas segundo ela á falta de formación e a dotación dos medios materiais necesarios.


Por iso aproveitou para pedir un pacto de estado para mellorar o funcionamento da xustiza. "Nunca poderá funcionar ben a xustiza, senón se lle dota de medios humanos e económicos", dixo ao denunciar a carencia de ambos.


Ao fío diso, reclamou máis xulgados para Galicia "e máis persoal". "Cando se xubila alguén, en moitos casos amortízase", dixo, sobre a praza que queda sen convocar.


POWERED BY BIGPRESS