Hai tres semanas os traballadores das ambulancias da área de Santiago concentrábanse denunciando un incumprimento sistemático do convenio colectivo por parte das novas empresas adxudicatarias, que os forzaban a facer máis horas das debidas e a soportar bases escasas de persoal.


Pero este martes tiveron que volver á rúa, concentrándose unha máis ante a sede do 061 en Santiago. Denunciaron que lonxe de solucionarse a situación trala primeira protesta, as empresas pasaron a unha estratexia de presión para os traballadores, con "ameazas de despido, ameazas de cambio de traballo, horarios caprichosos..." 


Inacio Pavón (CIG Compostela) considera que están intentando que os 120 traballadores afectados renuncien ao cumprimento do convenio, despois de que as empresas se presentaran ao concurso público cunha proposta por debaixo do prezo marcado. 


As empresas responsables son Casablanca, Ambuibérica e Ambupadrón. En concreto, sería nesta última na que segundo a CIG se estarían producindo as presións máis salientables para os traballadores. Benigno Fajardo, delegado e traballador nesta empresa, denunciou que el mesmo sufriu "unha ameaza de despido hai 3 días", ademais de horarios caprichosos con oito horas á mañá e dúas á noite, outros compañeiros con turnos de 24 horas...


Jesús Rey, delegado da CIG e traballador en Ambuibérica, recoñece que a súa situación é un pouco mellor que a dos seus compañeiros de Ambupadrón, xa que non recibiron ameazas de despidos. Pero denuncia que levan meses con "xornadas de 24 horas "e non vemos adianto" pese ás promesas da empresa. Afirma que de momento non saíron prexudicados os doentes, pero teme que poida chegarse a este extremo se non se soluciona a situación.


Por todo esto seguirán reclamándolle ao 061 que vixile o cumprimento do convenio por parte das empresas adxudicatarias, ademais de insistir ante estas que respeten os seus dereitos. 

POWERED BY BIGPRESS