Raúl Francés, que foi alcalde do Porriño co BNG, tiña previsto afrontar este mércores un xuízo por un suposto delito de prevaricación continuada. Pero a sesión tivo que suspenderse ata o mes de maio porque faltaban dúas caixas de documentación.


Posponse por tanto o xuízo no que a fiscalía pide 10 anos de inhabilitación, asegurando que Francés contratou a tres persoas en diferentes departamentos municipais incumprindo a lexislación, acudindo ao sistema de libre designación e prorrogando sistemáticamente os contratos.


Antes de que se chegase a suspender o xuízo, o exalcalde chegou a respostar a algunhas preguntas do fiscal, asegurando que "sempre" fixo "as cousas tal e como lle indicaron os servizos técnicos". Tamén sinalou que Contratación e Secretaría "encargáronse da redacción dos papeis necesarios que eu asinei".


Nese momento a Fiscalía quixo exhibir un contrato para que o acusado recoñecese a súa firma, descubríndose que os documentos orixinais non estaban a disposición da Sala.


Trala suspensión do xuízo, o avogado do exalcalde asegurou que a conduta do seu defendido fora " transparente e perfectamente xustificada". "Aquí non hai dano, non se levou diñeiro, non cometeu nin unha fraude nin unha estafa, senón unha reiteración continuada" no pago dos salarios de tres técnicos, lembrou o avogado do exalcalde.

POWERED BY BIGPRESS