Eladio Rodríguez levou este xoves ata a Coruña a súa primeira novela, "GANDARÓN OU O GRAN FALO MEGALÍTICO DE PENA CORNEIRA", que foi presentada na Asociación Amigos dos Museos.
No acto de presentación interviron o editor Bieito Ledo, o profesor Xesús Alonso Montero presidente da Real Academia Galega da Lingua, o presidente da Asociación Amigos dos Museos Felipe Senén e o propio autor.
A obra 'Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira' é unha mestura do rico imaxinario da sociedade tradicional galega coa propia imaxinación do autor, unha historia sorprendente que pode chegar a inaugurar un novo xénero dentro da literatura galega.
Gandarón e Martiño, xunto aos grandes xefes dos castros, e coa axuda inestimábel da Excel. Becha Usía, tentarán opoñerse aos desexos de destrución e cobiza dos invasores das terras do Avea. Estes invasores non son outros que os romanos, ansiosos con facerse co maravilloso viño do Ribeiro, cuxa orixe mítica é situada polo autor nesta novela.
Precisamente, o acto de presentación rematou coa degustación dun viño Ribeiro, marca Tarabelo, da adega do autor, Arco da Vella.
O AUTOR
Eladio Rodríguez Fernández, fillo e neto de viticultores con terras de seu e adega, naceu en Beade, en terras do Ribeiro do Avia. A paisaxe ribeirá da viña vai conformando a súa personalidade, moldeando o seu carácter ao redor dunha contorna rural moi específica, correspondente á vide e ao viño.
A Natureza exuberante, os ríos, as viñas e as fragas foron deixando fondos sucos no seu intelecto. A cultura humana que emanaban as vilas e aldeas ribeirás foi impregnando todo o seu ser dun intensa paixón por todo o que vía, abrindo a súa mente cara a un forte compromiso, de por vida, con esa Terra. Co tempo coñeceu outras realidades, pasando polo Instituto de Ribadavia, aprendendo a elaborar doutra maneira o viño en Villarrobledo (Albacete), e adquirindo formación na escola de Enxeñería Técnica de Vigo.
Dirixiu unha empresa construtora na cidade de Vigo e colaborou intensamente en diversos parladoiros culturais en Ourense, labor que compaxinaba coa publicación dalgúns versos na célebre revista Grial. Estréase como escritor cunha gran e voluminosa obra: "Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira", un libro que a ninguén deixará indiferente.