O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de ratificar unha sentenza do xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Vigo na que se obriga á Xunta a devolver parte dunha paga extra de 2013, segundo informou a CIG nun comunicado.
Dende o sindicato aseguran que a administración "recortou ilegalmente" no seu día con carácter retroactivo a parte proporcional dos meses de xaneiro e febreiro de 2013, tendo en conta que a lei de orzamentos galega para ese exercicio non se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 1 de marzo.
Entenden que esta sentenza pecha definitivamente o asunto, demostrando o recorte ilegal dunha terceira parte do complemento específico. Por iso reclaman á Xunta o compromiso de pago a todo o seu persoal desta parte proporcional da paga extra de 2013.