Unhas 150 persoas responderon ao chamamento de SOS Sanidade Pública Compostela para concentrarse este xoves na Praza do Toural, reclamando o fin dos recortes e do “desmantelamento e privatización” do sistema sanitario galego.
De entre todas as súas reclamacións, este xoves escolleron destacar a “mala calidade do material que se lles suministra aos pacientes diabéticos” para suministrar a insulina que precisan. Segundo explicou a voceira do colectivo, María Xosé Abuín, o Sergas está repartindo “agullas que rompen” ou incluso que “quedan dentro dos doentes”, empeorando a súa calidade de vida.
Tamén denuncian outras deficiencias na área sanitaria de Santiago, como a non posta en marcha do Consello de Saúde de Área, a suba excesiva de cotas de residentes de residencias ou a discriminación na concesión de tratamentos oncolóxicos.
A estas deficiencias concretas súmanse as que levan tempo denunciando dende o colectivo para toda Galicia, como o aumento das listas de espera, peches de camas, privatizacións… Motivos dabondo que convencen ao colectivo da necesidade de seguir loitando ata que se consega un cambio efectivo.