En Marea terá a súa propia consulta para definir a súa posición ante os posibles pactos de goberno abertos en Madrid, independente da que leva a cabo Podemos a nivel estatal.

O resultado desta votación será vinculante para os 6 deputados cos que conta En Marea no Congreso. Poderán votar todas as persoas que xa se rexistrasen no proceso de validación das candidaturas de En Marea en novembro de 2015.


Ademais, tamén se abre un período de ampliación do censo no que poderán incorporarse novos votantes, aínda que haberá mecanismos para garantir que proveñen das bases da confluencia e que non son axentes alleos intentando interferir.


As preguntas da consulta serán as seguintes. "Debe En Marea apoiar un goberno presidido por Pedro Sánchez e baseado no acordo PSOE - Ciudadanos?" e "Debe En Marea continuar traballando, en colaboración con Podemos e En Comú, para alcanzar un goberno de cambio xunto ao PSOE e outras forzas progresistas?".


Ábrese un proceso de tres días para inscribirse no censo da votación, que terá lugar entre o xoves e o venres. Os resultados proclamaranse o sábado día 23.


A inscrición no censo realizarase por vía telemática a través do portal http://www.enmarea.gal. A votación levará a cabo por vía telemática a través da plataforma AgoraVoting que, segundo destacou En Marea, reúne todas as garantías en canto a privacidade, seguridade e verificación do voto.

POWERED BY BIGPRESS