A organización ecoloxista Amigos da Terra entende as graves acusacións integradas na demanda de Edgewater cara a Xunta de Galicia como unha proba de que a "salvagarda de intereses ambientais e sociais está a expensas de criterios arbitrarios que poden ser aproveitados por certas tramas corruptas".


Por iso solicitará á Fiscalía "unha exhaustiva investigación" da "presunta trama" que insinúa Edgewater, pedindo que se estenda á aprobación "máis que cuestionable" da Declaración de Impacto Ambiental de 2012 por se esta puidera "terse visto condicionada ou influída como parte da trama corrupta".


Dende a asociación non entenden como nun primeiro momento a administración puido "aprobar un DIA(Declaración de Impacto Ambiental)" a un proxecto que a todas luces "suporía un monumental impacto ambiental e paisaxístico sobre toda a comarca de Bergantiños", especialmente significativos sobre o río Anllóns e a ría de Corme, sobre os que " penduraría a espada de Damocles dunha balsa tóxica xigante, semellante ás que desataron as catástrofes de Aznalcollar, en Doñana, ou a máis recente e terrible de Bento Rodrigues, no Brasil".


Destacan que todos os galegos estamos expostos a "demandas legais polos que os promotores esixan millonarias indemnizacións", debido segundo eles ao " inicial desacerto na xestión autonómica".


POWERED BY BIGPRESS