O deputado do BNG Cosme Pombo amosouse moi crítico coa situación de Galicia respecto ao mapa ferroviario estatal, considerando que está actualmente "peor que na época de Castelao", en referencia a aspectos como a "marxinación" que detecta na provincia de Lugo e os atrasos que sufriu a promesa da chegada do AVE á comunidade.


Nunha resposta en comisión parlamentaria, a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, rexeitou "dicir que se está agora como en tempos de Castelao", e mesmo asegurou crer que se o autor de 'Sempre en Galiza' "estivese aquí hoxe estaría moi satisfeito dos avances que se están facendo en materia ferroviaria".


Con todo, Pombo replicou que "só faltaría que desde Castelao a hoxe houbese os mesmos quilómetros" e lembrou como "na época en que empezou aquí o primeiro tren había xa 6.000 no outro lado". Neste escenario, a alta velocidade, augurou, chegará á comunidade "non 25, senón 30 anos despois".


A directora xeral, pola súa banda, tras enumerar a relación de servizos ferroviarios na provincia luguesa, afirmou que ao Goberno galego lle satisfai" comprobar" as medidas acometidas por Renfe recentemente "para mellorar as conexións con Madrid".



POWERED BY BIGPRESS