Traballadoras de empresa de limpeza Linorsa acordaron este xoves iniciar unha folga indefinida nos centros de ensino da comarca de Compostela a partir do 18 de maio, como medida de presión para unha empresa que acaba de entrar en concurso de acreedores e debe "ata cinco mensualidades" aos seus empregados.



Esta convocatoria de folga foi acordada nunha asamblea improvisada que coincidiu coa protesta que mantiveron traballadores desta empresa de limpeza xunto a deputados de AGE, BNG e Grupo Mixto fronte ao Parlamento, reclamándolle á Xunta que "rescate" as súas concesións.



Segundo explicou a secretaria de Servizos da CIG en Vigo, Transi Fernández, Linorsa ten a concesión dos servizos de limpeza en varias entidades da Xunta e en concellos, ademais de en centros de maiores, centros de saúde ou centros educativos.


Tras varios atrasos nos pagos aos traballadores, conforme apuntou, a situación "foi a máis" e "hai un concurso de acredores desde o día 19". "Esta situación agravouse sen que a Xunta, o PP, tomase ningún tipo de medidas", denunciou.



Asegura que os sindicatos levan meses trasladándolle á administración que "había problemas de falta de pagamentos por parte de Linorsa". "Pedíuselle que, en base aos pregos de condicións se abrise un expediente e se rescindise a concesión", afirmou. 

POWERED BY BIGPRESS