Cando os componentes do grupo Ataque Escampe escoitaron a súa intervención no programa da TVG Musigalité déronse conta de que faltaba un verso na súa canción 'San Marino'. Concretamente o que di "Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal como fan os do PP".


Ante esta omisión denunciaron nas redes sociais o "sutil corte" no vídeo, asegurando que comprobaran "con enorme tristeza e noxo" que dende o programa "non dubidaron en meter a tesoira de toda la vida de dios como se estivésemos en 1946".


Os traballadores da productora encargada do programa aseguran que as razóns de eliminar esa frase en concreto foron puramente técnicas e que a TVG non fixo ningunha observación sobre o contido da canción.


Pero dende AGE ten recollido o caso, anunciando que lle pediran explicacións ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo por este "suposto caso de censura".


Neste grupo entenden que estamos ante un "claro caso de censura e manipulación por parte da CRTVG impropia dun medio de comunicación público ao servizo de todos os galegos e galegas e que nos leva aos anos máis escuros da nosa historia recente". O deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo, esixirá explicacións en comisión parlamentar polo sucedido.

POWERED BY BIGPRESS