Dende a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS levan tempo denunciando as consecuencias das elevadas listas de espera no hospital de Santiago, no que segundo indican "non se garante a asistencia nos prazos legais ou indicados por criterios criterios médicos, quebrando o principio de igualdade no acceso á sanidade.
Ante as respostas por parte da xerencia de que as denuncias presentadas respondían a "casos illados" ou "erros puntuais" ten decidido reunir un grupo de pacientes afectados, poñéndolle nome e apelidos aos damnificados para demostrar que estamos ante un modelo de xestión dos servizos sanitarios que ten nas listas de espera "un dos instrumentos esenciais para poder facer efectivas as políticas de austeridade".
Entre os casos denunciados destaca o de Constantino Castaño, un home de 70 anos cun edema macular no ollo esquerdo que lle provocou dende o primeiro momento unha "perda prácticamente total e súbita de visión". O 14 de abril foi derivado dende Rianxo para unha interconsulta de prioridade prerente, que lle foi concedida para máis 5 de meses despois. Tras acudir a unha clínica privada e pagar 250 euros o seu diagnóstico empeora e consegue cita, esta vez para finais de xuño. Só despois de reclamar directamente ante a xerencia o 3 de maio consegue ser tratado nese mesmo día.
Máis tempo leva agardando Alejandro Viña, diagnosticado en febreiro de 2013 coa enfermidade de Hallux Valgus e outras deformidades nos pés. Tras rexeitar ser intervido nun centro concertado descobre que está incluido nunha lista "non estrutural" que lle augura unha espera de máis de 3 anos (1163 días), unha lista na que segundo se denuncia hai máis de 2000 pacientes coa mesma prioridade.
Laura Paz, de 26 anos, leva dende agosto rexistrada en lista de espera estrutural para unha gastroscopia, sen ter ningunha noticia dende entón. María Lourdes Fariña, de 82, tamén espera por unha gastroscopia. Neste caso leva un mes agardando, a pesar de ter unha prioridade preferente que recomenda a intervención en 15 días.
Xa coñecido e denunciado con anterioridade é o caso de María Jesús Pena, nai dun paciente de 19 anos con fatiga crónica que non conseguiu ser derivado á unidade especializada do hospitall Vall de D'Hebrón de Barcelona a pesar de contar con 3 informes favorables dos facultativos. A día de hoxe segue sen cita e sen ningunha minusvalía recoñecida.
Son casos concretos que se acumulan e que segundo a Asociación de Pacientes demostran que se está quebrando o principio de igualdade de acceso á sanidade, fomentando "a demanda da sanidade privada" e deixando "sen ningunha alternativa asistencial as persoas que non temos recursos económicos suficientes".