“En cinco meses, eu estarei sentado na presidencia e vostede na oposición”. Así de contundente se amosou Xosé Luis Méndez Romeu este mércores no parlamento galego, convencido de que lle arrebatará a Xunta a Alberto Núñez Feijóo en outono, a pesar de que aínda debe competir nas primarias do PSdeG para converterse en candidato.


De feito, as súas palabras espertaron as gargalladas nas bancadas populares, que segundo Méndez Romeu responden á “risa frouxa da inseguridade”, xa que en Galicia toca “alternancia” porque Feijóo foi “sordo e cego” ás demandas da cidadanía.


O presidente da Xunta non se privou na súa resposta de recordarlle a Méndez Romeu que debe ser confirmado polo seu propio partido, felicitándoo pola súa “espléndida intervención” pero mandando sorte tanto para el como para o outro candidato, Xaquín Fernández Leiceaga. Acusou ao PSdeG de estar “nunha carreira de autodestrucción”, pediulle que aclarase se pensa pactar coas mareas e recordoulle que a cuestión non era “sentarse”, senón “traballar e sacar Galicia adiante, e ahí estamos nós”. 

POWERED BY BIGPRESS