Toda a oposición galega apoiou este venres unha proposta do Bloque Nacionalista Galego, que instou á Xunta no parlamento a negociar na Mesa Sectorial de Sanidade un acordo para regular os permisos e licenzas do persoal do Sergas.


A través da súa deputada Montse Prado, os nacionalistas lembraron que a última vez que a Xunta se sentou na mesa de negociación para tratar este asunto foi en 2001, hai 15 anos. "Xa choveu dende entón", criticou a voceira nacionalista.


Dende as bancadas da oposición fixeron súas as reclamacións da nacionalista. Eva Solla (AGE) criticou que pasara un deceno e medio dende que a Xunta se sentou a negociar, incidindo en que dende 2001 "a realidade cambiou bastante". Do mesmo xeito, Consuelo Martínez (Grupo Mixto) considerou a iniciativa como "lóxica", "urxente" e "imprescindible".


O PSdeG tamén apoiou a proposta, que finalmente foi rexeitada cos votos en contra da maioría absoluta do partido popular, que considera que "existe unha equiparación" entre o persoal do Sergas e o resto de traballadores da Xunta no que respecta aos permisos e licenzas.



POWERED BY BIGPRESS