A 19 días das eleccións xerais e a 5 meses das autonómicas, a Xunta e a Federación Galega de municipios presidida polo PSOE firman un documento que pretende converterse na folla de ruta para combater a exclusión social durante os vindeiros cinco anos, que tamén foi suscrito pola Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN).


Esta nova 'Axenda Social' para Galicia foi presentada este martes, nun acto no que o presidente da Xunta apelou á "coordinación e colaboración" entre administracións para prestar servizos sociais e, a dous días do comezo da campaña, pediu que non se empregue aos "que peor o están pasando" como arma política.


Entre as medidas máis novas, atópase a apertura desde a Xunta dunha liña de axudas aos concellos, que apoiará a cobertura do 40 por cento dos prezos dos medicamentos das familias en dificultades, que poderá ser completado polos concellos que así o desexen.


Igualmente, actualizaranse os módulos económicos do plan concertado, cunha subida do 12 por cento no gasto autonómico correspondente ao financiamento do persoal dos servizos sociais comunitarios.


Precisamente, amplíanse estes servizos a través do financiamento de máis de medio centenar de novas prazas públicas de traballadores sociais (38) e de titulados superiores (psicólogos, pedagogos e psicopedagogos (15) para concellos de máis de 20.000 habitantes.


Aa Xunta tamén ratifica o compromiso de axilizar a tramitación da Risga para que a lista de espera "se achegue a cero" e "mantense a vontade de seguir incrementando as axudas de inclusión social, que son hoxe un 55 por cento máis que en 2009, así como "blindar" os anticipos das mesmas para que os seus beneficiarios poidan dispoñer delas canto antes.


Por parte dos concellos, contémplanse axudas complementarias para persoas que estean en situación de tramitación da Risga ou que non teñan dereito á súa percepción; así como axudas para cubrir gastos de desprazamento pola asistencia a programas sociosanitarios.


SEN "CORES POLÍTICAS"


Se Feijóo chamou agora aos concellos para "traballar xuntos" para desenvolver con éxito as actuacións que incorpora a 'Axenda Social', o presidente da Fegamp, Alfredo García resaltou que a colaboración entre administración é necesaria "para que calquera medida funcione", antes de advertir que no ámbito da loita contra a exclusión social, "non debe haber cores políticos".


Pola súa banda, o presidente de EAPN-Galicia --composta por 24 organizacións sen ánimo de lucro agrupadas en 126 entidades de nivel local--, Antonio Hernández, defendeu tamén que a 'Axenda Social' supón un paso adiante. Así, destacou "cousas moi ben feitas" por parte da Administración neste documento tales como "a planificación, a transversalidade, a priorización de necesidades e o compromiso financeiro".

POWERED BY BIGPRESS