Para o presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, votarlle ao Partido Popular parece ser das poucas opcións válidas para evitar que o voto acabe beneficiando a Podemos.


No seu primeiro acto de campaña celebrado fóra de Galicia, concretamente nun hotel de Madrid, Feijóo advertiulle ao electorado que "un voto a Ciudadanos adoita acabar en mans de Podemos" como consecuencia da lei electoral.


Estas declaracións súmanse ás que fixo esta fin de semana en Monforte, cando recordou que o voto que empeza sendo para o PSOE tamén pode acabar en Podemos pola vía do pacto.


Pola contra, considera que o voto ao PP " empeza nun proxecto para o país e acaba en ter un Goberno estable". Incidiu en que a súa formación "ten moitas cousas en común" en todas as autonomías porque ten "un proxecto para España". "Lamentablemente o PSOE tívoo durante moito tempo e agora xa non o ten; Ciudadanos non é un partido para España porque naceu en Cataluña e tenta buscar a persoas de UPyD e do PP para ir concretando as súas candidaturas e por suposto os nacionalistas non teñen ningún proxecto", criticou.


Para Nuñez Feijoó, un proxecto de país non pode ser "personalista, nin de egos" senón "dun conxunto de persoas". "Somos un equipo, e isto vai máis aló dunha soa persoa, porque cando non hai equipo sucede o que pasou neste últimos seis meses: cando pos o ego por diante, o país bloquéase", dixo.

POWERED BY BIGPRESS