Sen dúbida, o candidato que Vd. decidiu votar. Así que non faga caso aos xornais de papel que caian nas súas mans ou aos que Vd. le na internet, que todos son tan subxectivos como calquera dos seus lectores e non van facer outra cousa que confundilo. Teña criterio e manteña as súas conviccións e logo vote, se así o desexa, ao seu líder favorito, porque isto da gobernabilidade de España só o arranxan os cidadáns españois cambiando a orde dos factores partidarios, para que así se modifique o produto, neste caso, o Goberno ou, se non hai máis remedio, se lle pode a súa relixiosidade, confíe como eu en San Andrés de Teixido, xa saben, aquel que din que pola súa Igrexa na Costa da Morte peregrina a Santa Compaña nas noites de bruma e frío e á que tamén "irá de morto quen non foi de vivo", ata o descreído Pablo Iglesias da man de Rajoy, Sánchez e o cidadán Rivera.


Un debate no que Rajoy semella Bush pola súa torpe imaxe simplista e Sánchez a Al Gore, un político case perfecto pero que non "traspasaba o dial" que diría un dos meus mestres na radio Joaquin Soler Serrano, que si que sabía como facelo como ninguén, fai que os outros dous aspirantes queden sen rival aparente á hora de xulgar esta especie de pizza televisiva "catro estacións" con que nos obsequiaron en horario intempestivo, a televisión pública e as dos dous grandes grupos privados e mesmo a canle da Igrexa, tentando solucionar o grave problema dos pactos post electorais, algo que, non só non conseguiron, senón que á forza de ser sinceros habemos de crer que os condenaron a un fracaso irreparable.


Como os votantes do montón non cambien a súa intención de voto o próximo día 26 de xuño e conformen de forma natural e espontánea outras maiorías diferentes, isto só o cambian os aparellos dos partidos botando aos seus actuais líderes e poñendo a outros que poidan pactar, aínda que só sexa por vergoña toureira, ou porque quen ten unha certa experiencia política sabe que, de non formarse un novo goberno, o que corre perigo é o propio sistema democrático.


Así que reláxense, e se van votar, vaian co pleno convencemento que a súa elección é a máis acertada para o seu país, xa que nin se queira emitindo xuntas todas as televisións de España, a día hoxe, non existe ningunha posibilidade de que os políticos que temos póñanse de acordo.

POWERED BY BIGPRESS