A diminución da poboación en Galicia volveu acentuarse o ano pasado, cando a comunidade presentou o peor saldo vexetativo por comunidades autónomas, con 12.269 mortes máis que nacementos, segundo o balance provisional do movemento da poboación que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).


Aínda que a comunidade galega rexistrou o segundo menor descenso dos nacementos en taxa anual, tras baixar un 1,1% en 2015 respecto de 2014, ata 19.412; ao lado contrario situouse en undécimo lugar en canto a incremento das defuncións, que subiron un 5,9%, ata 31.681.


Así as cousas, Galicia obtivo o pasado exercicio a terceira menor taxa bruta de natalidade por comunidades, de 7,1 nacementos por cada 1.000 habitantes.


A taxa bruta de mortalidade deixa á comunidade galega en posicións de liderado, en terceiro lugar pola cabeza, con 11,6 defuncións por cada 1.000 habitantes.


Só Asturias (6,2 por cada 1.000) e Castela e León (7 por cada 1.000) teñen unha taxa de natalidade máis baixa que a galega, e unicamente, de novo, estas dúas comunidades (con 13 e 11,9 por cada 1.000, respectivamente) presentan taxas de mortalidade máis elevadas.


Mentres, a esperanza de vida dos galegos é exactamente a mesma que a media, de 82,7 anos, nunha posición intermedia entre os 84 de Madrid e os 81,4 de Andalucía.


A NIVEL ESTATAL


No conxunto de España tamén volveu a acentuarse a diminución da poboación,  cando por primeira vez desde que hai datos anuais, rexistrou un crecemento vexetativo negativo, é dicir, morreron 2.753 persoas máis das que naceron.


O ano pasado naceron en España 419.109 persoas fronte ás 422.276 que morreron. Descontando aos nados e defuntos non residentes no país, queda un saldo negativo de 2.753 persoas, "a primeira vez que isto sucede desde que se dispón de datos anuais".


Trátase ademais do sexto ano consecutivo en que cae a natalidade, cun descenso do 2% fronte á subida do 6,7% experimentada nas defuncións. O resultado xa se vaticinaba ao cabo do primeiro semestre, cando faleceran en España 20.000 persoas máis das que naceran.


Considerando o ano completo, a estatística mostra que naceron en España 419.109 nenos, é dicir, 8.486 menos que en 2014. Desde 2008, cando foron alumados 519.779 bebés tocando o máximo en 30 anos, a cifra caeu un 19,4%.


Mentres, caeu de novo o número de mulleres en idade fértil, fenómeno que vén repetindo desde 2009 e que o INE atribúe a unha mestura de tres factores: son xeracións menos numerosas nadas na crise de natalidade dos 80 e primeira metade dos 90; hai un menor fluxo de inmigración e subiron as emigracións nos últimos anos.


AS NAIS ESPAÑOLAS, MENOS FILLOS E MÁIS TARDE


As mulleres cada vez esperan máis tempo para ser nais. A idade media de maternidade en España subiu ata os 31,9 anos en 2015, fronte aos 31,8 do ano anterior. En só unha década incrementouse case dous anos, pois en 2005 as cidadás eran nais antes de cumprir os 31. Con todo, subiu a media de fillos por muller, que se situou en 1,33 fronte aos 1,32 do ano 2014.


Con todo, hai diferenzas en función da nacionalidade. O peso das nais estranxeiras na cifra de nacementos mantense estable respecto do ano anterior, cun 17,8% do total, pero seguen tendo de media máis fillos que as españolas (1,65 de media por muller foránea fronte a 1,28 das oriúndas) e téñenos tres anos antes (a súa media é de 29,4 anos fronte aos 32,4 das españolas).


En canto ás defuncións, en 2015 faleceron en España 422.276 persoas, un 6,7% máis que no ano anterior, e a taxa bruta de mortalidade situouse en 9,1 defuncións por mil habitantes, fronte a 8,5 de 2014. A taxa de mortalidade infantil foi de 2,8 defuncións por cada mil nados vivos, a mesma que en 2014. Esta taxa mantense por baixo do limiar do tres por mil desde 2013.


CAE A ESPERANZA DE VIDA


A esperanza de vida tamén caeu, reduciuse en 0,2 anos e situouse nunha idade de 82,7. Entre os homes é de 79,9 anos (0,2 menos que en 2014) e entre as mulleres, de 85,4 anos (0,3 menos). De acordo ás condicións de mortalidade do momento, unha persoa que alcanzase os 65 anos en 2015 esperaría vivir de media, 18,8 anos máis se é home e 22,7 máis se é muller.


Por comunidades autónomas, a caída de nacementos foi xeneralizada aínda que máis acusada en Ceuta, cun 9,1% menos que en 2014, Melilla (-6,6%), Cantabria (-4,3%) e A Rioxa (-3,5%). As defuncións tamén aumentaron en todos os territorios, salvo en Ceuta, onde se reduciron un 2,6%. En Madrid (8,6%), Andalucía (8,5%) e Castela-A Mancha (8,2%) déronse os maiores incrementos.


Así as cousas, o saldo vexetativo (nacementos menos defuncións) foi negativo en 10 comunidades autónomas e positivo en sete. As tres comunidades con saldo vexetativo menor foron Galicia (-12.269), Castela e León (-11.883) e Principado de Asturias (-7.089) e as que rexistraron o saldo vexetativo maior foron Comunidad de Madrid (17.912), Andalucía (8.546) e Cataluña (5.092).


A esperanza de vida tamén varía en función do lugar. Os valores máis altos alcanzáronse en Madrid (84 anos), Navarra (83,8) e Castela e León (83,7). Os valores máis baixos déronse nas cidades autónomas de Melilla (79,6 anos) e Ceuta (80,7) e nas comunidades de Andalucía (81,4) e Canarias (81,9).

POWERED BY BIGPRESS