A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia a situación dunha bebé de 12 meses á que lle deron cita para o especialista o 17 de novembro, cando se cosidera de carácter preferente e debería ser atendida en 15 días.


A asociación recibiu a denuncia da nai, que explicou a situación. En atención primaria, a bebé foi diagnosticada de estrabismo e derivada a unha consulta co oftalmólogo con carácter preferente. A cita déronlla para 142 días máis tarde.


Dende a asociación de pacientes denuncian que as consultas preferentes deben ser atendidas nun prazo de 15 días e sinalan que se demostra "unha absoluta falta de sensibilidade, pois o estrabismo infantil é unha cuestión que require un diagnóstico temperán para lograr unha curación total."


A situación, din, deriva dos "peches nas axendas das distintas especialidades durante o verán" e o "recorte no gasto", que "é só un aforro a curto prazo". Denuncian tamén que o empeoramento da atención que comproban, "estremece especialmente cando se aplica a un paciente pediátrico".

POWERED BY BIGPRESS