Oito mil viaxeiros de Vuelig quedaron en terra trala cancelación de 46 voos en catro días. Fomento convocou hoxe a compañía aérea española para pedirlle explicacións polo caos operativo dos últimos días, sobre todo en Barcelona, onde realiza o 40% dos seus servizos. A empresa di que a situación mellorou e que os problemas se deben a "motivos operacionais".

O caso é que hai milleiros de pasaxeiros afectados, entre eles, aquí en Galicia os que tiñan pensado saír de Santiago na noite do sábado. Unha das viaxeiras, en declaracións á Radio Galega, cifrou os afectados galegos en "150 persoas, e como uns 20-25 nenos pequenos, que levan desde o sábado pola tarde esperando para saír. Estamos perdendo tempo de vacacións."

Deste xeito, os afectados senten que non os trataron como debían: "É inadmisible, se non teñen pilotos e non teñen avións, o que teñen que facer é non contratar viaxes. Estannos tratando como gando e, por riba, con mala educación".

Tratábase dos pasaxeiros dun voo a Zúric e outro a Palma de Mallorca que, finalmente, viaxaron en autobús ao Porto. Desde alí esperan poder coller un avión este luns para chegar ao seu destino.

A compañía recoñece que a situación vai seguir sendo difícil.

POWERED BY BIGPRESS