A Consellería do Mar encargou un estudo xurídico ao Instituto Salvador Madariaga da Coruña -no marco do convenio que ten coa Xunta-, do que se encargará o profesor da Universidade daCoruña José Manuel Sobrino Heredia, sobre "a posible afectación" da saída do Reino Unido da UE, o coñecido como 'Brexit', na actividade pesqueira.


Diso informou este martes a conselleira do Mar, Rosa Quintana, antes de participar no Consello Galego de Pesca celebrado en Santiago, para indicar que prevé que no próximo mes de setembro haxa un avance do estudo. "Queremos traballar sen risco, con datos certos, ver que medidas podemos achegar desde Galicia", explicou.


Así, espera que a saída de Reino Unido da UE supoña poder cambiar o "mal chamado" principio de estabilidade relativa, polo que se reparten as posibilidades de pesca. Considera que "é o momento" de revisalo para que poida haber máis capturas para as frotas europeas, posto que: "Nestes momentos pódenos favorecer".


"A priori o que vexo, pero por iso necesito un informe xurídico, é que quizais o principio de estabilidade relativa haxa que revisalo, porque o Reino Unido sae e ata agora dispoñía dunhas posibilidades de pesca en augas da UE, e supoño que esas posiblidades de pesca deben ser repartidas entre os países que formamos parte da Unión Europea".


"Pero non me gusta falar por falar nin adiantarme no tempo", dixo. "Aínda estamos nun momento de incerteza, non sabemos as consecuencias que pode carrexar", apostila.


A semana pasada, Ana Miranda, do BNG pediu ao Executivo comunitario un estudo para avaliar "o impacto que vai ter no sector pesqueiro galego a saída do Reino Unido da UE" e a revisión do principio de estabilidade relativa polo que se reparten as cotas.


CREACIÓN DE GRUPO DE TRABALLO E OUTROS TEMAS

Por outra banda, Mar propuxo nesta reunión a creación dun grupo de traballo para analizar a comunicación da Comisión Europea ao Parlamento e ao Consello da UE sobre as posibilidades de pesca para o próximo ano, que "aínda non é un documento definitivo", pois "non se fala aínda de TAC, pero si de criterios técnicos" de fronte á repartición que se faga no consello de ministros europeos de pesca que terá lugar en decembro.


Preguntada polas recomendacións científicas para aumentar un 13 por cento para o próximo ano as posibilidades de pesca de pescada do Gran Sol, Rosa Quintana sinalou que a Xunta quere "incrementos de TAC e cotas para todas as especies", pero estase "á espera aínda" dos documentos científicos, aínda que ve "certo optimismo".


No tocante á campaña do polbo reaberta o pasado luns, Rosa Quintana sinala que "se abriu con mellores prezos que antes de pechar" a época de pesca, mentres que "máis do 65 por cento dos exemplares están en tallas superiores aos dous quilos". "Creo que pode ir ben a campaña", afirmou.


POWERED BY BIGPRESS