O considerado como principal enclave prehistórico do neolítico en Galicia, o dolmen de Dombate, non vai pasar polo momento a mans da Xunta. A Plataforma Salvemos Cabana explica nun comunicado que o grupo parlamentario popular botou atrás unha Prosposición Non de Lei impulsada por AGE para esixir a xestión autonómica do conxunto arqueolóxico.


A Plataforma afea a Agustín Bahamonde, o deputado que interviu no debate, que manteña a postura do Concello de Cabana (gobernado polo Partido Popular). A súa posición mostra, afirman, a "ignorancia da situación", pois a propia Deputación da Coruña manifestou nos medios de comunicación que sería apropiado ceder a cestión do conxunto arqueolóxico á Xunta.


A proposta defendida por Xabier Ron, de AGE, manifestou a existencia de "evidencias de que os convenios que actualmente tece a deputación provincial co concello non son os máis apropiados". Puxo como exemplo os desperfectos na réplica ou neodolmen, que custou uns 83.000 euros no 2012 e que xa está deteriorado.


Culpa da desfeita a que non se cumpriu correctamente coas "tarefas de supervisión das visitas", masificando o número de visitantes, que non é, asegura, "a forma máis respectuosa co patrimonio cultural". Móstrase sorprendido por que o organismo provincial renovase o convenio de colaboración co Concello de Cabana de Bergantiños, á vista da situación.


A Plataforma, pola súa banda, valora "cun cero á esquerda a intervención" de Bahamonde e lamenta que "o marco de preservación do ben patrimonial" non deixa de ser "papel mollado", ante a situación que atravesa o dolmen de Dombate nos últimos anos.

POWERED BY BIGPRESS