A asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS reúnese este mércores 14 coa Valedora do Pobo para solicitarlle que declare a Consellería de Sanidade "administración hostil e entorpecedora" das súas funcións. Desde a asociación seguen a denuciar o "mal trato asistencial" e o "colapso dos servizos de urxencias" do hospital compostelán.


A queixa non é nova. En febreiro trasladáronlle á Valedora a queixa contra Xerencia da EOXI de Santiago de Compostela polo colapso reiterado nas Urxencias. En abril, a oficina da Valedora volveu solictar un informe á Consellería, recordando que ten a obriga legal de responder. "A día de hoxe (mais de 5 meses despois) aínda non formulou o ditame derivado da queixa, nin deu traslado do informe da Consellería, que presumimos está aínda sen emitir", lamenta a asociación.


Acusan a xerencia de "irresponsabilidade e indolencia" ante situacións que detectan reiteradamente. Así, poñen como exemplo que entre o 10 de febreiro e o 2 de marzo, acreditaron "11 situacións de colapso cun número de pacientes esperando ingreso en planta de 234". De marzo a xullo cifran en 6 os momentos de colapso con 70 persoas agardando para pasar a planta.


Polo tanto, na reunión de mañá, solicitarán que, de non atender ás súas reclamacións, a Valedora dea traslado da situación ao Ministerio Fiscal para o exercicio de accións que poidan proceder.

POWERED BY BIGPRESS