A Xunta presentou este mércores a materia de libre configuración sobre igualdade de xénero que se comezará a implantar nos centros educativos de 1º e 2º da ESO de Galicia que así o soliciten a partir do próximo curso, que inicia en setembro.


O proxecto foi elaborado en colaboración da Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Igualdade, cuxos máximos representantes sinalaron que se trata dunha iniciativa pioneira en España, xa que será en Galicia onde se impartirá por primeira vez unha materia destas características.


Neste sentido, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, lembrou que é un contido transversal que figura no currículo de todas as materias, pero agora será impartida de forma específica durante unha hora semanal.


Os obxectivos principais que abordará serán a concienciación dos mozos sobre a importancia das cuestións de igualdade, implementar o espírito crítico ante situacións de discriminación, axudar a previr estas actuacións e aceptar que a diversidade de xénero e de orientación sexual enriquece a sociedade.


CARÁCTER VOLUNTARIO


A materia adoptarase naqueles centros de educación secundaria de Galicia que o soliciten, en concreto, nas aulas de 1º e 2º da ESO. O conselleiro apuntou a este respecto que aínda non saben cantos colexios van pedir, pero esperan que moitos.


Ademais de representar unha ferramenta para alcanzar unha maior igualdade de xénero, un dos propósitos desta materia é conseguir unha escola "máis xusta para todos", que chegue a un dos sectores sociais máis sensibles.


Por este motivo, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, asegurou que é "un día importante para a igualdade de xénero" e que este proxecto súmase aos protocolos ideados recentemente neste sentido.


VIOLENCIA MACHISTA


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén acudiu á presentación, onde incidiu en que esta materia axuda a educar en valores de igualdade fronte á unha problemática que mostra "a súa peor faceta" na violencia machista, de forma que se traballa por metas que antes "parecían imposibles".

POWERED BY BIGPRESS