Institucións de toda Galicia gardan hoxe un minuto de silencio polas vítimas do ataque de Niza. Concellos, Xunta, Parlamento e delegacións do Goberno na comunidade coincidiron en parar ao mediodía para trasladar o seu apoio. Os edificios oficiais teñen hoxe as bandeiras a media asta.


Alberto Núñez Feijóo trasladou este venres a solidariedade do pobo galego aos familiares afectados e ás vítimas do atentado perpetrado en Niza e lamentou "o fanatismo e o odio" que producen "bestialidades" coma esta.


En declaracións aos medios antes de participar nun acto en Madrid, o presidente galego lembrou que o ocorrido en Francia "pode ocorrer en calquera lugar, sobre todo cando hai liberdade" e apuntou que é froito de "o despropósito" e do "odio que dura moitos anos".


Tras trasladar o seu apoio ao conxunto de "veciños e aliados franceses", Núñez Feijóo confiou en que a "liberdade" que atacan este tipo de atentados "encha de forza os argumentos para seguir traballando pola paz". "Espero que a Comunidade Europea atope algún mecanismo para saber que podemos facer", finalizou.

POWERED BY BIGPRESS