Iníciase o baile na Zarzuela. Un selecto grupo de políticos dispóñense a quentarlle a orella ao actual Xefe do Estado, co único fin de rendibilizar despois a visita explicándonos aos xornalistas o ben que o están facendo e que se nos vemos metidos antes de fin de ano nunhas novas eleccións xerais a culpa é do PSOE que non se quere abster.

Non sei o que fará o monarca, porque eu nunca chegarei a selo e por tanto, non me podo poñer no seu lugar, pero a min paréceme que estes señores teñen unha cara que a pisan, e que se os que temos un traballo a soldo o fixesemos tan rematadamente mal, seguramente non cobrariamos a final de mes.

Nas últimas horas, baixou desde o Guadarrama un suave vento que convida o Rei a sacar a chaqueta e remangarse ante "os díscolos" que non queren votar a Mariano Rajoy na investidura, que el presupoñía "obrigada". A verdade é que o rumor ten a súa mandanga, porque, quen o difunde, non se decataron que o pai do actual monarca xa abdicou e que, por tanto, xa deixou de "borbonear", que é o que tocaba facer ata que os dous grandes partidos españois perderon a exclusividade da "alternacia". Estes xa non son eses tempos señores líderes, e este Rei ten un talante máis dado á imparcialidade que é o único que lle outorga "a vella" Constitución de 1978.

Así as cousas, aínda que Don Filipe se remangue, temo que, como os que vaian ao seu despacho non entreguen os deberes feitos, aquí non goberna ninguén. Faltan horas para a cita e ningún partido di, salvo o PP: "aqui están os meus votos, Mariano, forma Goberno". E mentres iso non suceda, pouco poderá facer o inquilino da Zarzuela, salvo botarlle paciencia e programar unha nova cita para Deus sabe cando. O de mollarse ou remangarse o Rei de España, non figura na Carta Magna e como diría o mellor Pujol: Avui no toca.

POWERED BY BIGPRESS