A Garda Civil notificou en calidade de investigado a un mozo de 19 anos como presunto autor de case unha vintena incendios forestais no termo municipal de Cangas do Morrazo.


Por mor das distintas liñas de investigación abertas para determinar a suposta intencionalidade dos incendios e pescudar, no seu caso, a identidade do presunto responsable, a Garda Civil informou de que puido confirmar as sospeitas que desde un principio recaían sobre a persoa que pilotaba unha motocicleta que fora vista, nalgunha ocasión, nas proximidades das zonas afectadas polo lume.


Segundo informou o Instituto Armado, á vista das probas indiciarias obtidas no transcurso da investigación levada a cabo por efectivos do Posto Principal de Cangas, coa colaboración do Seprona, a Garda Civil procedeu á identificación e localización do usuario da motocicleta, un mozo de 19 anos, veciño de Cangas, ao que se lle notificou a súa situación de investigado como presunto autor de 17 delitos de incendio forestal que afectaran ás parroquias de Aldán, Darbo e Coiro, desde o 23 de xuño ata o 14 de xullo.


Como consecuencia dos dispositivos de emerxencias despregados para a extinción destes incendios, cabe destacar que nalgún deles foi necesario cortar temporalmente a circulación rodada nas estradas EP-1002 e CG-4.1.


A pesar de que non se produciu ningunha situación de perigo para a vida e a integridade física das persoas, o feito de que todos os incendios se propagaron preto dos núcleos urbanos e nunhas condicións climatolóxicas extremas "que incrementaron de forma moi relevante o risco da súa propagación", poden ser "circunstancias constitutivas de tipos agravados dos delitos polos que é investigado", explican as mesmas fontes.


As dilixencias instruídas foron entregadas no xulgado de Instrución de garda de Cangas, onde deberá comparecer o investigado cando sexa requirido.

POWERED BY BIGPRESS