O histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras presentou o seu aval á candidatura do maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Luís Villares. En concreto, o tamén coportavoz de Anova informou desta decisión a través da súa conta de twitter, onde tamén precisou que dá por "finalizado" o seu "periplo parlamentario". "Estou cumprido", indicaba no mesmo tuit, para logo engadir que "hai marea".


Este anuncio prodúcese despois de que Luís Villares fixese público este sábado que o veterano político nacionalista non se presentará ás primarias de En Marea.


"Beiras acábame de confirmar esta mesma mañá que presentou o seu aval á miña candidatura, e confirmoume tamén que, por tanto, non se presentará a este proceso nin de primarias nin de postulación para a presentación da súa candidatura", relatou Luís Villares este sábado aos xornalistas coruñeses.


BEIRAS, "REFERENTE ÉTICO E POLÍTICO"


E é que, segundo desvelou Villares, o veterano político nacionalista entende que a candidatura do maxistrado recolle a súa posición política. "Quero agradecer desde este momento ese apoio, e o feito de que fose un referente ético e político non só do século XX, senón tamén de comezos do século XXI", subliñou.


Así mesmo, o maxistrado tamén revelou este sábado que o coportavoz de Anova non se presentará tampouco como candidato a deputado: "Non é a intención de Beiras".

POWERED BY BIGPRESS