Mireia Belmonte acaba de facer historia ao converterse na primeira nadadora española en colgarse unha medalla de ouro olímpica. A española impúxose na final dos 200 bolboreta nos Xogos Olímpicos de Río 2016.


"É o premio a moitos días de traballo, ao empeño en seguir adiante, pese a ter pensado máis dunha vez en que non valía a pena. Pero sempre tes ese obxectivo final polo que loitas e traballas cada día” sinalou Belmonte tras colgarse o ouro.


Esa fortaleza mental permitiulle non virse abaixo ante o arranque da australiana Madeline Groves, a súa máxima rival polo ouro, convencida de que a súa táctica, esa xa clásica forma de nadar sempre de menos a máis a levaría á vitoria.


50 DECISIVOS METROS FINAIS


Nos cincuenta metros finais, Belmonte tivo que recorrer á súa enorme capacidade de sacrificio para resistir o ataque da xaponesa Natsume Hoshi, a actual campioa mundial, sobre todo para aguantar tamén o contraataque de Groves, que volveu á carga nos metros finais para intentar dobregar á española.


Nin a xaponesa nin a australiana foron quen de impedir que Belmonte tocase o ceo e cumprise o soño de proclamarse campioa olímpica, e tocou a parede con tan só tres centésimas de vantaxe sobre a australiana.


Aos seus 26 anos, a española convértese en lenda, ao converterse na primeira nadadora española en pisar o máis alto dun podio olímpico. 

POWERED BY BIGPRESS