A percepción do risco sobre o alcol entre os mozos galegos de entre 14 e 18 anos é baixa, aínda que descenden as borracheiras e o binge drinking (o consumo intensivo). Así o revelou a última enquisa de drogas en estudantes de secundaria.


Segundo sinalou este xoves o subdirector xeral de programas de Fomento de Estilo de Vida Saudables, Jorge Suanzes Hernández, o alcol segue a ser a sustancia máis consumida, seguida do tabaco, o cánnabis e os hipnosedantes. Suanzes dixo que o consumo de alcol é “preocupante” debido á baixa percepción de risco entre os máis novos.


A enquisa tamén revelou que a prevalencia no consumo de drogas por parte de mozos galegos de 14 a 18 anos é inferior á media estatal.


CAE O CONSUMO DE TABACO E CÁNNABIS


Cae o consumo de cánnabis e outras drogas e os fumadores diarios pasan do 15,4% dos enquisados en 2008 ao 8% en 2014.


No caso do tabaco, Suanzes lembrou que o consumo baixou de forma sistemática desde o 2008, en gran parte grazas ao impacto da lei antitabaco. Desta forma, os fumadores diarios minguaron dende o 15,4% en 2008 ao 8% en 2014.


En canto ao consumo de cánnabis e outras drogas, o estudo recolle que descendeu e o dato xeral de consumo situouse no 20,7%.


Este ano ademais incluiuse na enquisa o uso do cigarro electrónico, sobre o cal “non se poden trasladar afirmacións porque se carece da tendencia”. Con todo, comprobouse o impacto, e avanzou que se incluirá no futuro a picadura de tabaco polo incremento no seu consumo.


DIFERENZAS POR SEXOS


En relación ás diferenzas entre sexos, o subdirector explicou que persiste a tendencia dos últimos anos, segundo a cal as mulleres consomen máis sustancias legais ca os homes e a situación invírtese nas drogas ilegais.


Ademais, en todos os casos, o consumo aumenta coa idade, aínda que a o inicio é máis temperán nos homes que nas mulleres. 

POWERED BY BIGPRESS