O servizo sanitario do aeroporto de Santiago reduciuse desde hai un ano de 6 Técnicos de Medicina Aeroportuaria (TMA-enfermeiros/as) a 5 e pasou de garantir unha cobertura de 24 horas a tan só 18. Así o denuncia a CIG Aena que alerta das consecuencias que isto pode ter para pasaxeiros/as, usuarios/as e clientes de Lavacolla.


Ademais, denuncian que “a dirección do aeroporto non está contratando persoal para cubrir baixas, permisos e demais, malia estar así contemplado no convenio colectivo”, afirma González Méndez, representante da CIG.


Méndez explica que “con cinco traballadores facemos unha cobertura continuada de 18 horas. O problema é que neste momento hai unha persoa de vacacións e dúas de baixa polo que somos incapaces de cubrir todas as quendas quedando así moitos servizos descubertos”. A isto engade que “isto contradí claramente as razóns esgrimidas pola dirección para impor o cambio de xornada”.


MÁIS TRÁFICO E MENOS COBERTURA


Para a CIG-AENA esta situación é moi preocupante porque precisamente agora, no mes de agosto, é cando máis fluxo de pasaxeiros hai. Fluxo que ademais se incrementou nun 10,6% no último ano. “Hai franxas horarias nas que podemos estar falando de máis de 3.000 persoas entre chegadas e saídas”, matiza.


O representante da CIG no comité explica que “se estamos nós calquera incidencia sanitaria que ocorra no aeroporto atendémola de xeito inmediato e segundo sexa a gravidade solucionámola in situ ou avisamos ao 061. O problema é que se a incidencia ocorre nos horarios non cubertos, non queda outra que chamar a emerxencias”.


MALGASTO


Lembra que o tempo medio de resposta e chegada do 061 ao aeroporto é duns 20 minutos, que “de ser unha incidencia leve estaríanse malgastando medios públicos e que, porén, de ser unha incidencia grave, como un infarto, habería que agardar eses 20 minutos para atendelo, co grave risco que isto supón para a vida da persoa afectada, mentres que tería atención inmediata se estamos nós”.


A CIG-AENA demanda que desde a dirección do aeroporto se garanta a cobertura completa do servizo e o persoal necesario para que funcione coa continuidade necesaria para garantir a mellor atención sanitaria posible nas instalacións do noso aeroporto os 365 días do ano.

POWERED BY BIGPRESS