O polbo á feira foi seleccionado como unha das sete marabillas gastronómicas de España ao situarse como o terceiro prato típico dunha comunidade con maior número de votos nun concurso promovido por Allianz Global Assistance cuxo obxectivo é promocionar a comida española e lograr que pratos tradicionais opten a Patrimonio Inmaterial da Humanidade.


Das vinte receitas finalistas neste certame, no que institucións, universidades, hostaleiros, cociñeiros e cidadáns puideron votar durante todo este mes a través de internet, o podium de honra da gastronomía española lidérano as papas arrugadas (prato típico de Canarias), seguidas do xamón ibérico e o polbo á feira.


Tras elas e ata completar o ranking de sete marabillas gastronómicas situáronse a paella valenciana, a tortilla de patacas, a quesada pasiega (Cantabria) e os paparajotes murcianos. Deste xeito, quedaron fóra do ranking final outros pratos tan coñecidos como o cochinillo segoviano, o pisto manchego, o gazpacho ou a fabada asturiana.


O obxectivo deste concurso, apoiado por diferentes entidades como a Federación Española de Hostalería ou a Sociedade Española de Dietética, é "recoñecer o valor artístico, técnico e cultural da gastronomía española. Salvagardar a metodoloxía culinaria e transmitir o seu valor ás xeracións vindeiras co ánimo de convertelas en representantes dunha candidatura a Patrimonio Inmaterial da Humanidade".

POWERED BY BIGPRESS