A Alianza Galega por un Medio Rural Vivo dirixirase aos distintos candidatos á Presidencia da Xunta para pedirlles que asuman o compromiso de lexislar para "rescatar o campo galego da difícil situación na que se atopa".


Neste sentido, animaranlles a subscribir un documento titulado 'Compromiso por un mundo rural galego vivo', que contén propostas en materia ambiental, agrogandeira e de montes, e recolle a situación do medio rural galego e as súas problemáticas, incluídos os incendios forestais.


Ese documento trasladarase aos partidos que se presentan ás eleccións autonómicas do próximo 25 de setembro para que se comprometan a levalas á práctica.


MEDIDAS CONCRETAS


Entre outras medidas, o portavoz da Alianza, Xosé Alfredo Pereira, concretou que figura un modelo de explotación diversificada do monte fronte ao actual monocultivo de eucaliptos, que ten como "único obxectivo" o abastecemento da fábrica de Ence en Lourizán, en palabras do presidente da APDR, Antón Masa.


A este respecto, Masa citou unha recente sentenza da Audiencia Nacional que ratifica a prohibición de plantar 'Eucaliptus nitens' nunha parcela asturiana, como pretendía Ence, asumindo que se trata dunha especie con "forte carácter invasor" e que é "un risco para a biodiversidade".


É por iso que, agora, a Alianza solicita a todos os partidos que concorren ás eleccións que prohiban a súa plantación en toda Galicia.


En canto ao modelo de explotación diversificada, o obxectivo é poñer en valor as potencialidades do monte "a nivel social e económico" e crear valor engadido. Asumir as medidas contidas neste documento sería, segundo Pereira, "a solución a longo prazo" contra os incendios forestais.


POWERED BY BIGPRESS