O candidato de En Marea á Presidencia da Xunta, Luís Villares, destacou o compromiso da súa formación de construír unha Galicia "máis xusta" que "vele polo interese común" fronte á "estafa" dun "vendedor de preferentes" como o candidato popular á reelección, Alberto Núñez Feijóo.


"Temos un Feijóo que fai absolutamente o contrario, como un verdadeiro vendedor de preferentes, que engana a xente sabendo que ten nas súas mans un produto que non pode colocalo senón é a través do engano e a mentira", afirmou Villares durante a presentación da imaxe de campaña de En Marea.


Neste escenario, considerou que Feijóo "non quere ser presidente da Xunta" senón que "se quere marchar como el mesmo dixo" ao afirmar que só quedaría en Galicia se gobernaba, que non quere estar na oposición. "Que clase de candidato é ese, que clase de estafador é ese para os galegos?", preguntouse.


Fronte a iso, asegurou que En Marea ten un proxecto "radicalmente distinto" ao de "este estafador da cidadanía galega" ao que acusou de gobernar para "as empresas". "Un auténtico vendedor de preferentes que estafou aos cidadáns vendendo os servizos públicos, privatizando a sanidade, precarizando a educación", defendeu.


"UN PAÍS DISTINTO"


Deste xeito, subliñou que En Marea defende un "mundo totalmente alternativo" ao que ofrece Feijóo. "Un país máis xusto, e por iso a súa campaña pivota ao redor desa idea de xustiza e solidariedade. Un país no que os postos de traballo para os amigos terminen e rexeite as privatizacións, no que a corrupción non sexa noticia, e no que se acaben os gobernos contra a maioría social", indicou.


Neste sentido, deixou claro que En Marea aposta por "unha forma de gobernar distinta, rebelde pero realista e responsable". Un compromiso que, como indicou, queda reflectido na imaxe de campaña presentada este domingo en Santiago de Compostela.

POWERED BY BIGPRESS