O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, anunciou este luns a ampliación da teleasistencia gratuíta para persoas dependentes e maiores con 650 prazas máis, que se suman ás case 1.000 existentes.


As persoas interesadas en acceder a este servizo do ente provincial poderán presentar a súa solicitude a partir deste martes.


Campos contrapuxo a oferta da Deputación coa da Xunta en base a dous eixos. Por unha banda, explica que a provincial é gratuíta, fronte ao copago da autonómica. Por outra banda, a primeira aprobarase para todas aquelas persoas que o necesiten segundo as valoracións que realicen os traballadores sociais, mentres que a segunda redúcese ao ámbito das persoas que teñen recoñecida a dependencia.


"Trátase dunha prestación totalmente gratuíta dirixida a maiores e persoas que sofren algunha limitación en canto á súa anatomía", expuxo Campos.


A valoración "non será un trámite administrativo", senón que "será unha valoración con tinguidura social na que se analicen as condicións familiares, a autonomía e o illamento".


POWERED BY BIGPRESS