O Concello de Vilamarín (Ourense) acollerá o próximo 11 de setembro unha andaina solidaria para recadar fondos para a Asociación NEN (Asociación de Familias e Amigos de Nenos enfermos de Neuroblastoma).
O diñeiro recadado será destinado á investigación contra o cancro infantil e outra parte irá para colaborar coa familia de Nico, un neno residente no municipio que desde os nove meses padece 'neuroblastoma estIII' (un tumor abdominal).
O deputado provincial de Deportes, Juan Anta, o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez e os concelleiros Mariña Rodríguez e Marcos Vázquez animaron este martes aos ourensáns para participar na 'Andaina Solidaria Pazo de Vilamarín', que sairá do propio Pazo de Vilamarín o próximo 11 de setembro a partir das 10,00 horas.
A proba percorrerá once quilómetros e visitará algúns dos puntos máis destacados do municipio como a marxe esquerda do río Barbantiño ou o Pazo de Tamallancos.
A inscrición custará cinco euros por participante e tres euros para os nenos, que poderán esperar ás súas familias nunhas zonas de xogos habilitadas especialmente.
Os organizadores tamén informaron sobre a posibilidade de participar a través dunha "Fila Zero", que consiste en pagar o dorsal pero sen necesidade de realizar a andaina.
O obxectivo da proba é recadar o maior diñeiro posible para doalo integramente á Asociación NEN, que colabora en diversos proxectos de investigación relacionados no tratamento do cancro infantil.
O alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, insistiu en que "colaborar con esta acción solidaria" supón axudar a "unha familia que está a sufrir" e, ademais, axuda a "concienciar á sociedade para que se sigan destinando fondos para a investigación médica".
AXUDA A NICO
Vázquez reiterou o apoio do concello á familia do pequeno Nico, un neno de dous anos que reside no municipio e ao que desde os nove meses foille diagnosticado un 'neuroblastoma estIII', unha enfermidade que afecta a un de cada 100.000 nenos e que supón o 7% do cancro infantil.
A concelleira Mariña Rodríguez leu unha carta da nai de Nico, que non puido asistir por complicacións na enfermidade do seu fillo. No texto, a nai fixo un chamamento para fomentar a investigación contra unha enfermidade que "afecta a 1.400 novas familias cada ano", pero cuxo carácter minoritario freou as investigacións das empresas farmacéuticas.
Así, o texto pediu a colaboración cidadá para impulsar a investigación dunha enfermidade cuxa taxa de supervivencia real media é do 50%, pero que "se atopa estancada desde o ano 2000".