O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, dixo este venres ser "ambicioso" con respecto ás enquisas que auguran para o PP nove representantes no Parlamento autonómico por esta provincia. Para o líder dos populares ourensáns estes datos confirman a "tendencia" de que canto máis se achega o 25-S "aumentan as posibilidades" dunha maioría absoluta para o PP.


Tras ser preguntado sobre a posibilidade de que o PP de Ourense alcance nove representantes no Parlamento galego, Baltar dixo sentirse "ambicioso", aínda que preferiu quedar "coa apreciación de que dan de oito a nove" deputados.


Baltar, que insistiu en que "as enquisas están para non crelas, tanto se son boas coma malas", recoñeceu que os datos manexados nas diferentes sondaxes reflicten "unha tendencia que está aí".


Así, destacou que, a medida que se van publicando novas enquisas, "aumentan as posibilidades" do PP de obter unha maioría absoluta e lembrou que "extrapolando resultados" en xuño sinalaban unha distancia de dous escanos da maioría absoluta.


"A XENTE RESPONDEU"


Os datos da enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), feitos públicos este xoves sinalan que o PP obtería a maioría absoluta cun resultado de 40 ou 41 escanos, cando a maioría absoluta sitúase en 38 representantes.


Para o líder dos populares ourensáns este incremento de apoios reflicte que "a xente respondeu" durante a precampaña á "mensaxe moi clara" de que o PP se presenta "coa certeza" dun candidato" e dun programa electoral "que sabemos que vai ser capaz de cumprir".


A pesar diso, Baltar mostrouse cauto e lembrou que "o punto de partida" para todos os candidatos nesta cita electoral é "que todos teñen cero escanos".

POWERED BY BIGPRESS